Reencontro coa Feiticeira. Persíguena a paso firme eses dous nachos da foto, non hai tempo para explicacións. Fuximos collidos da man por medio dunha multitude que por uns momentos é o zoco de Marrakech, e por outros o feirón de Moeche. Eu só ansío que chegue o clímax, que o perigo nos bote as poutas enriba dunha vez. Porque sei que imos saír ben desta, por algo somos os bós da historia, e que mentres cae o pano final poderei tomala pola cintura, agarimar as súas fazulas e fundirme con ela nun bico en branco e negro, á altura das circunstancias. Atravesamos os postos da feira coas mercadorías derrubándose ao noso paso, vadeamos ríos embravecidos e salóns de baile ateigados a piques de que nos leve a corrente, corremos polas vías do tren botando anxos de bafo a voar na noite pecha. E de súpeto as nosas mans sepáranse, e cando a busco coa mirada a Feiticeira xa non está alí. Unha man anónima entrégame unha nota firmada co seu perfume. Adeus, todo volve ser en Technicolor.
<< Home