De Volta
O Snob Neurótico tuse moito e pensa pouco últimamente. Hai tempo as ideas bouraban embravecidas na súa cachola, urticantes e efímeras, como unha treboada de neve ácida que só escampaba cando os seus ollos ficaban fitando ao acolledor baleiro dalgunha parede. A consciencia, o alento e o beizo inferior distendíanse de vagar, ata acadar un Nirvana de peto sen asesoramento previo de ningunha filosofía oriental. Aquel Snob Tántrico, inzado de odio e santidade, nunca tería escrito, moito menos publicado, algo semellante ao que estás a ler. O que hai agora non se atreve a desbotar nin un sopro de inspiración, por moi ruín que sexa - e a xulgar polo número de cigarros consumidos no transcurso desta redacción, este éo moito. As ideas rarean, e tanto cisma nelas que, sen se dar de conta, repítelles os mesmos comentarios ás mesmas persoas varias veces. Hainas que prenden, as peores, senlleiras parvadas sen máis onde bater que na paciencia propia e allea, e que son moi malas de arrincar. A neve ácida, odio e santidade foron substituídos como combustíbel propulsor do Snob Neurótico polos gases e o alcol que acugulan de xeito inevitábel o seu bandullo cando vai con xente. A única solución que lle ve a todo esto é deixar a bebida, a sociedade, o tabaco e o caos. E non ten por seguro que semellante sacrifizo pague a pena.
<< Home